Actividades formativas do prograda de Doutoramento en Ciencias da Saúde

Actividades formativas do prograda de Doutoramento en Ciencias da Saúde

Presentación e seguimento de teses en desenvolvemento (5 horas)

  • Descrición: Anualmente, organizarase sobre o mes de xuño, unha xornada de sesións dedicadas ao desenvolvemento e avance dos estudos dentro do programa, sendo un foro de intercambio dos traballos realizados polo alumnado no marco do desenvolvemento dos seus respectivos plans de investigación. As sesións corresponderan á exposición dos estudos de investigación que se están realizando por alumnado do programa, desde a etapa de deseño ata a análise de resultados. Poderanse programar tanto presencial como virtualmente
  • Carácter: Obrigatorio. Todos os estudantes deberán participar polo menos unha vez nesta actividade durante os tres primeiros anos de matriculación no doutoramento
  • Planificación temporal: Anualmente (a partir do curso 2024-25)
  • Participación: Os/as estudantes que desexen participar na xornada deberán entregar o formulario de solicitude de participación co visto e prace do seu/s director/es de teses na convocatoria que se abra anualmente pola CAPD. Na exposición do seu proxecto, deberán estar presentes polo menos un dos seus directores de teses e dous membros da CAPD, que debaterán sobre cuestións prácticas e teóricas do traballo realizado de acordo ao seu plan de investigación
  • Procedemento de control: O control de asistencia ás sesións realizarase para o seu seguimento, que recollerá o título da sesión, o relator e a data. Este proceso estará baixo a supervisión dun profesor do programa de doutoramento
  • Accións de mobilidade: Non hai actuacións de mobilidade asociadas

Presentación de comunicacións científicas en eventos nacionais e internacionais en
Ciencias da Saúde (8 horas)

  • Descrición: Asistencia e participación en eventos científicos (congresos, xornadas, seminarios, ciclos de conferencias…) autonómicos, nacionais e/ou internacionais relacionados coa liña de investigación na que traballa o/a doutorando/a
  • Carácter: obrigatorio. Todos os estudiantes deberán participar polo menos unha vez nesta actividade durante a realización da súa tese doutoral, presentando unha comunicación oral e/ou póster.
  • Planificación temporal: A actividade poderase realizar durante calquera ano de permanencia no Programa
  • Participación: A participación dependerá do financiamento obtido polo doutorando en convocatorias específicas ou ben da dispoñibilidade orzamentaria dos proxectos de investigación en que participe o/a doutorando/a ou o seu/s director/es de teses para realizar actividades de difusión científica
  • Procedemento de control: Requirirase certificado de asistencia ao evento de comunicación científica e aceptación acreditada documentalmente, que se incluirá no Documento de Actividades
  • Accións de mobilidade: De acordo co financiamento dispoñible, fomentarase a participación en eventos internacionais

Acción formativa sobre metodoloxía da investigación (12 horas)

  • Descrición: Formación dedicada a aspectos relacionados coa metodoloxía da investigación que habilitará en competencias básicas (metodoloxía científica, ética, tipos de estudos, artigos científicos e como publicar, revistas de alto impacto, aspectos importantes da tese de doutoramento…)
  • Carácter: Optativo
  • Programación temporal: A actividade formativa poderase realizar durante calquera ano de permanencia no programa
  • Participación: O alumnado interesado en participar deberase inscribir na dita actividade nos prazos previstos anualmente
  • Procedemento de control: A participación nestas actividades quedará acreditada co certificado de participación emitido pola CAPD, que o alumnado deberá subir ao espazo correspondente dentro do seu Documento de Actividades no Campus Virtual
  • Accións de mobilidade: Non hai actuacións de mobilidade asociadas

Mobilidade e estadías formativas de investigación en Ciencias da Saúde (112
horas)

  • Descrición: Estadías formativas predoutorais en universidades ou centros de investigación de recoñecido prestixio, externos á Universidade da Coruña, nacionais ou estranxeiros, para a realización de tarefas de investigación relacionadas coa tese doutoral. Posibilita a realización de teses con mención internacional, para o cal se deberá realizar unha estadía dun mínimo de tres meses nun centro de investigación estranxeiro (podendo realizarse varias estadías que sumen esta duración)
  • Carácter: Optativo
  • Programación temporal: A actividade formativa poderase realizar durante calquera ano de permanencia no programa, aínda que se recomenda a partir do segundo ou terceiro ano
  • Participación: Para efectos do seu recoñecemento para a realización de teses con mención internacional, requírese a autorización da CAPD previa á realización da estadía, co visto e prace do/os director/es da tese e da institución que acolla ao/á doutorando/a. A participación en estadías de investigación dependerá do financiamento obtido polo doutorando en convocatorias específicas ou ben da dispoñibilidade orzamentaria dos proxectos de investigación en que participe o/a doutorando/a ou o seu/s director/es de teses
  • Procedemento de control: A institución receptora que acolla ao/á doutorando/a emitirá, ao finalizar a dita estadía, documentación acreditativa dela, que se deberá subir ao documento de actividades a través da secretaría virtual e achegarse xunto coa documentación de depósito de tese no caso de optar á mención internacional. O seguimento da estadía será responsabilidade do/s director/es da tese
  • Accións de mobilidade: Desde a CAPD do programa informarase de posibles convocatorias en que poden participar os/as doutorandos/as para o financiamento de estadías de investigación